Wednesday 15 de May de 2024

Constitúese o Consello Sectorial de Inclusión Social para debater e analizar as propostas relacionadas con esta materia


 

A concelleira Yoya Neira presidiu a sesión plenaria extraordinaria en que se creou este organismo como un espazo para traballar en rede sobre estas cuestións e achegarse mellor á realidade da Coruña

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria, en que se constituíu o Consello Sectorial de Inclusión Social, un órgano colexiado de participación cidadá sectorial, de carácter consultivo. Concíbese como un espazo para asesorar, informar, debate, estudar, propor e traballar en rede, que ten como obxectivo achegarlles a política de inclusión social municipal ás entidades que traballan nesta cuestión, mellorar o coñecemento da situación social da cidade e valorar a actividade e mais os orzamentos vinculados ao ámbito da inclusión social municipal.

O consello ten entre outras funcións a de analizar e facer propostas de criterios e prioridades ás liñas xerais de actuación que presente o Goberno local relacionadas coa inclusión social, así como a de realizar suxestións ao orzamento municipal de cara a crear un espazo en que se coñezan proxectos normativos e de planificación, ademais de participar no seu deseño e na revisión dos plans e dos programas coa elaboración de ordenanzas e regulamentos que así o precisen.

Por último, formaranse grupos de traballo vinculados ao organismo co fin de estudar os programas sociais que pidan unha reflexión máis exhaustiva. Entre as entidades que se adscriben a este consello están, entre outras, Cruz Vermella, ACCEM, Renacer, Fundación Meniños e Cáritas.